O Proxecto |
|
O programa a_tempo foi deseñado pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para a implantación dun programa de cribado dirixido a detección precoz dos trastornos do desenvolvemento nas escolas infantís de 0 a 3 anos. O programa enmarcase no plan estratéxico de calidade da Secretaría da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e trata de mellorar e poñer en valor o papel das escolas infantís na detección e atención das nenas/os con necesidades sociais ou educativas especiais Trátase dun programa pioneiro e innovador que se aplicará en Galiza e que, a data de hoxe non atopa similitudes en ningunha outra comunidade autónoma. O obxectivo do proxecto é o de detectar canto antes posibles trastornos no desenvolvemento persoal dos cativos, que poden desembocar —se non son tratados a tempo— en importantes alteracións de saúde, de comportamento e/ou psicolóxicas. A Vicepresidencia investirá 189.000 euros neste programa, cuxo período de execución se prolonga dende 2006 ata 2009. A Secretaria Xeral da Igualdade, Carme Adán e o presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), José Cardama, asinaron o 13 de Decembro un convenio de colaboración para a implantación do programa. |
O convenio asinado entre Vicepresidencia e AGAT servirá para deseñar, desenvolver e implantar un protocolo de detección precoz de trastornos no desenvolvemento dos nenos e nenas e será un protocolo sistemático, flexible, sinxelo, específico e unificado para o conxunto das escolas infantís dependentes da Xunta que participen no programa. Para a posta en marcha do programa, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Asociación Galega de Atención Temperá organizarán unha comisión técnica de dirección —de carácter interdisciplinar— e unha rede de titores, formada por profesionais con ampla experiencia no eido do desenvolvemento infantil e da atención temperá. Esta comisión será a que se encargue do deseño, planificación, seguimento e apoio do protocolo a desenvolver. O programa estrutúrase en cinco fases, que se van desenvolver no período 2006-2009: deseño do programa de formación, preparación do programa, desenvolvemento do programa nas escolas infantís, avaliación de procedementos e resultados, e por último, elaboración dos informes de avaliación sobre a situación e para a implantación do protocolo na rede de escolas infantís. Investigadores principais |





